CRTVG

Buscar

A neve regresa á montaña de Lugo e Ourense

Publicado o 02/03/2020 21:19

 A nevarada foi de pouca intensidade e só afectou ás zonas máis elevadas das montañas de Lugo e Ourense, como foi o caso deste alto do Cebreiro a case 1.300 metros de altitude. Con todo, tan só se formou unha pequena capa de poucos centímetros e a neve non causou dificultades para o tráfico rodado. Peor que a nevarada foron os fortes ventos que se rexistraron na xornada de hoxe, que chegaron aos 150 quilómetros por hora en Cervantes, moi preto de aquí, e aos 143 en Cabeza de Manzaneda. A inestabilidade continuará nas vindeiras horas.

A menos de 20 días de que remate o inverno, a neve volveu aparecer polas montañas de Lugo e Ourense. Fíxoo de forma moderada e tan só nas cotas por riba dos mil metros. A nevarada só causou incidentes illados, como o caso duns peregrinos que foron auxiliados pola Garda Civil no alto de San Roque ou o deste vehículo que envorcou en Chandrexa de Queixa. Tamén se restrinxiu de xeito breve o tráfico de camións durante a mañá na estrada entre Becerreá e Sarria. A nevarada foi algo imprevisto para os veciños e viaxeiros.

"Non se contaba con isto despois do tempo de verán que tivemos. Pero estamos en marzo e é normal".

"Avisar avisaron, así que hai que andar precavidos. Eu fun co coche e sen problemas".

"Hai que abrigarse ben. Braga na cabeza, pantalóns de inverno e unhas botas de auga".

Máis problemas que a neve causou o forte vento que chegou a superar os 140 quilómetros por hora en diferentes puntos dos Ancares e de Manzaneda. Para as vindeiras horas agárdase que continúe o tempo inestable. A cota de neve baixará ata os 800 metros de altitude durante a noite.

Noticias web

02/03/2020