A neve dificulta a intervención dos bombeiros de Betanzos nun incendio en Aranga
Precisamente a neve e o xeo condicionaron a intervención dos bombeiros que ían apagar un incendio nunha vivenda de Aranga, preto de Betanzos. O lume orixinouse nunha cheminea. Non causou danos persoais porque a familia se decatou e puido saír da casa polos seus medios.
A familia que vive nesta casa da aldea do Pousadoiro, no concello coruñés de Aranga, espertou pasadas as catro da mañá cun estourido. Decatáronse de que había lume nun dos cuartos e saíron da casa polo seu pé.
"O lume orixinouse no baixo, nunha cheminea. Afectou esa habitación e o resto do baixo quedou afectado por fume. No piso superior non houbo danos."
Os efectivos dos bombeiros de Betanzos e do GES de Curtis que acudiron ao lugar tiveron que ter moito coidado debido ao estado da pista de acceso á aldea, con neve e xeo. Esta mañá no Pousadoiro os termómetros marcaban dous graos baixo cero.
"A complicación da intervención foi que Aranga está con neve e é complicado chegar ao lugar. Houbo que ter moita precaución no desprazamento."
Os bombeiros empregaron tres horas en apagar o lume.