CRTVG

Buscar

A neve dificulta a circulación no interior e provoca ondas de ata oito metros no litoral

Publicado o 01/02/2019 16:44

O litoral da Coruña está en máximo nivel de risco. Hai un aviso vermello por mar combinado con vento do oeste noroeste con forza 8-9, que está a deixar ondas de máis de oito metros de altura. Por exemplo, a boia de punta Lagosteira, situada fronte ao porto exterior, sitúa a altura máxima das ondas por riba dos once metros. Así que, os barcos, coma estes de Malpica, tiveron que quedar amarrados.

E o vento sopra con forza. Por iso, está prohibida a entrada aos parques, xardíns e áreas infantís. A Torre de Hércules tamén está pechada ao público.

No interior, moito frío e a cota de neve nos 800 metros caendo ata os 600 cara á noite. Aos problemas circulatorios habituais en pistas secundarias, sumouse este mediodía o corte da A-6 entre O Corgo e Pedrafita para camións.

Tráfico aconsella que se extremen as precaucións tanto pola auga coma pola neve que cae na provincia hoxe. De feito, entre Pedrafita e o Alto do Poio está cortada a circulación para camións, articulados e o resto só pode ir con cadeas.

Ademais de na montaña, tamén hai dificultades para circular noutros puntos da rede viaria principal como A Mariña e na Terra Chá, onde dende onte permanecen cortadas as estradas entre Santaballa e Vilalba e entre Distriz e Belesar por culpa das inundacións.

Tráfico pide precaución para circular pola A-8 na zona de Abadín; tamén polo alto da Gañidoira. A neve visitou boa parte da provincia, e tamén a capital, onde nevou a partir de media mañá. Ademais, o temporal causou moitas incidencias polo desprendemento de pedras e a caída de árbores na rede viaria.

Na provincia de Pontevedra, a situación está sendo especialmente complicada nas estradas por mor do vento e da intensa choiva. Na autovía das Rías Baixas, á altura da Cañiza, ao longo da madrugada unha intensa sarabiada dificultou moito a circulación, obrigando os condutores a extremar as precaucións. En puntos do interior, como a zona do Deza, as precipitacións son en forma de neve, sobre todo nos lugares máis elevados como Dozón, Rodeiro e A Lama.

Na autovía das Rías Baixas, á altura da Cañiza, a situación foi moi complicada neste vial ao longo da xornada. Chuvia e forte vento que obrigaron a moitos condutores a cambiar o seu plan de viaxe.

Esta área de servizo converteuse no refuxio de moitos condutores. Algúns estaban máis cansos ca outros. Unha pequena tregua para recuperar folgos suficientes para seguir por esta estrada sabendo que a situación ao chegar a Ourense é aínda máis complicada.

A neve foi a protagonista na zona do Deza. Caeu en forma de precipitacións ao longo da noite en lugares como Rodeiro, Dozón e A Lama. Na provincia de Pontevedra, un día dos que non hai que fiarse, porque tanto pode chover como sarabiar e incluso nalgúns puntos pode haber treboadas.

Neve tamén e complicacións no tráfico na provincia de Ourense. Efectivos de protección civil da Gudiña indícanlle aos camioneiros que non poden circular pola A-52 onde poden estacionar os seus vehículos.

Contra a unha reabriase ao tráfico de vehículos pesados a autovía. As nevardas foron copiosas durante toda a maña obrigando a extremar as precacuións a hora de circular pola 536 entre o Rodicio ata preto de Trives e na 533 no alto de Covelo, no Bolo. Tamén compliacións para acceder a varias aldeas de montaña.


 

Noticias web

01/02/2019