CRTVG

Buscar

A neve complica o tráfico nas zonas de alta montaña de Ourense

Publicado o 28/12/2020 20:45

Neve e vento nos cumios da provincia de Ourense. As nevaradas foron intermitentes ao longo de toda a xornada, pero en puntos coma esta da serra de Queixa intensificáronse a medida que avanzaba o día.

Por agora, a única estrada cortada ao tráfico por mor da neve é a OU-122 na zona alta de Carballeda de Valdeorras. Pero cómpre extremar a precaución en toda a rede secundaria das montañas do oriente ourensán, non só pola neve, senón tamén polo xeo.

Friaxe que non asusta esta familia que está a pasar as festas nunha autocaravana na aldea familiar. Para eles, a neve foi o mellor agasallo de Nadal.

O aviso amarelo estará activo na montaña de Ourense durante toda a xornada do martes, con nevaradas por riba dos 800 metros.

Aviso amarelo por neve na montaña de Lugo

O alto do Cebreiro, cuberto de neve, achega unha estampa típica de Nadal.

"Coma os anos de verdade, que viña o Nadal con neve, como ten que ser".

Aproveitando os días de vacacións, son moitos os que se achegan ata aquí. Toca xogar cos nenos, aínda que aquí hai divertimento para grandes e pequenos.

"En Betanzos non neva moito e agora que estamos de vacacións, temos tempo e as restricións non nos limitan, polo que decidimos vir dar unha volta cos nenos. É unha hora e vinte de camiño, pero isto non ten prezo". "Somos do Bierzo e viñemos comer e de paso decidimos parar porque como está nevando é moi bonito". "Precioso, coa neve gusta moitísimo máis".

A aldea énchese de vida con familias enteiras que veñen pasar aquí o Nadal.

"Estes días xa temos moitas reservas de familias con pequenos para pasar ata Reis".

Hai aviso amarelo nas zonas de montaña. Agárdase que neve en cotas por riba dos 800 metros e durante os vindeiros días.

"Vimos de Allariz e estamos nunha casa de turismo rural no Courel e achegámonos ata aquí, pero está a cousa complicada para volver agora cara alá".

O intenso traballo das quitaneves mantén despexadas a principais vías, pero nas estradas, á hora de viaxar, compre extremar as precaucións e estar pendentes dos avisos relacionados co tráfico.

Noticias web

28/12/2020