CRTVG

Buscar

A neve callou en Ourense por riba dos 1.200 metros

Publicado o 28/12/2020 14:14

Hai que subir por riba dos mil metros para atopar paisaxes nevadas en Ourense. Na Canda, a máis de 1.200 metros, só os tellados e os prados dan testemuño dos efectos dunha borrasca intermitente que oscila entre o sol e a neve.

"Pois a ver se nos quedamos incomunicados ata despois dos Reis! Eu teño que ir traballar o día 4, pero se empezo despois dos Reis, mellor", di Manolo, un veciño da Canda.

A Manolo prestoulle a nevarada. Contémplaa coa súa familia desde a autocaravana en que viaxaron desde Euskadi para pasaren as festas na aldea familiar.

"É unha pasada, patinar na neve é moi divertido", di a filla máis pequena.

Un tempo agradable para a vista pero complicado para a circulación. Malia a que a única estrada da provincia intransitable pola neve é a OU-122, na alta montaña de Carballeda de Valdeorras, o xeo complica o tráfico nas vías secundarias da zona oriental, onde non chegou o sal.

"Hai un montón de xeo, e o aire que vai está xélido. Pero estamos no inverno!", comenta un condutor.

O aviso amarelo de Meteogalicia por acumulacións de neve arredor dos 5 centímetros esténdese ata a medianoite do martes ao mércores na montaña oriental da provincia.

"De onde vén o aire, moito non vai nevar, como non cambie... Aquí neva cando vén de Portugal", aventura un veciño da Gudiña.

Nas próximas horas, Meteogalicia prevé un descenso da cota de neve aos 900 metros.

Noticias web

28/12/2020