CRTVG

Buscar

A neve calla por riba dos 800 metros e causa problemas nas estradas

Publicado o 29/12/2020 14:30

Complicacións no tráfico rodado debido ás considerables nevaradas das últimas horas na montaña luguesa. Mesmo chegou a interromperse a circulación de camións na autovía A-6.

Hoxe temos neve a partir dos 800 metros e iso está a provocar complicacións non so na rede secundaria da montaña luguesa senón tamén na principal. Na autovía do Noroeste, en Pedrafita do Cebreiro, foi necesario restrinxir o tráfico de camións para que as quitaneves puidesen limpar a calzada.

Ademais, nas últimas horas, traballo extra para os operarios das compañías eléctricas por mor das avarías rexistradas na subministración nalgunhas aldeas de Cervantes e Navia de Suarna. Ademais vai moito frío. A pasada madrugada dous graos e medio baixo cero en lugares como Pedrafita ou Cervantes.

As previsións apuntan que a neve seguirá facendo acto de presenza na montaña luguesa durante toda a semana. A cota nas vindeiras horas estará situada nos 900 metros e seguirá indo moito frío. A pasada madrugada 2 graos e medio baixo cero en Pedrafita e Cervantes.

A montaña ourensá segue tamén en aviso amarelo por mor das nevaradas. Para hoxe, agárdanse acumulacións de ata quince centímetros de neve por riba dos novecentos metros, pero só na montaña oriental. As estradas, iso si, están despexadas. A única onde non se pode circular por mor da neve é a OU-122, en Carballeda de Valdeorras.

As temperaturas seguen a ser moi baixas, menos cinco graos en Manzaneda e Trevinca, e a sensación térmica aínda menor, por mor do vento que hoxe sopra máis frouxo ca onte. O aviso amarelo mantense ata a medianoite.

 

 

 

Noticias web

29/12/2020