CRTVG

Buscar

Os bombeiros seguirán traballando toda a fin de semana na nave ardida en Narón

Publicado o 24/01/2020 10:25

Os bombeiros de Narón seguen loitando contra os pequenos conatos que aínda quedan no interior da nave. Pero fano desde o exterior, coa axuda de catro vehículos en altura que lles permiten traballar con máis seguridade desde puntos máis elevados. 

"Temos moita carga de combustible aínda incendiada no interior da nave, por iso se ve a columna de fume. Aínda hai risco de colapso", di Carlos Castro, oficial da intervención. 

O incendio, do que aínda se descoñecen as causas, orixinouse pouco antes das cinco da tarde deste xoves. Daquela, a combustión do material almacenado -bolsas de papel, produtos de plástico e outros elementos adhesivos- provocou unha gran columna de fume negro visible desde varios puntos da comarca de Ferrol e mesmo desde A Coruña.

Os traballadores da empresa foron desaloxados en canto souberon do lume. Por iso non se rexistraron danos persoais.

Durante todo o día de hoxe seis bombeiros seguirán traballando nesta zona e outros tantos estarán pendentes de posibles traballos auxiliares que poidan xurdir. E así seguirán ao longo de toda a fin de semana.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2020

Máis sobre Narón