CRTVG

Buscar

A nai de Diana Quer marcha repentinamente dos xulgados de Santiago

Publicado o 12/11/2019 10:50
A nai de Diana Quer marcha repentinamente dos xulgados de Santiago

Diana López-Pinel, a nai de Diana Quer, marchou repentinamente dos xulgados de Santiago poucos minutos despois da súa chegada, visiblemente enfadada, por negarse a permanecer no inmoble xunto ao pai, Juan Carlos Quer, con quen mantén un enfrontamento persoal. 

López Pinel chegaba pasadas as 9:40 horas aos xulgados das Fontiñas, reclamando ante a prensa "que saia toda a verdade" no proceso. Poucos minutos despois, saíu de novo dos xulgados, moi molesta, e denunciando a preguntas dos medios que aínda tiña "dúas horas de espera" e negábase a estar co seu ex-marido. Así mesmo, aseguraba que non tiña "información ningunha sobre o tema" da súa filla, que chegou aquí "en branco" e sen ver o sumario.

Diana López-Pinel, ao preguntarlle sobre se o seu marido si tivo acceso á información do caso, a diferenza dela, deuno por suposto: "Se non por que pide a segunda autopsia? Será porque puido ver a primeira", insistiu. Neste sentido, a nai de Diana Quer arremeteu contra a falta de información arredor da investigación, a diferenza do que puido recibir o seu ex-marido: "Non foron capaces de darme ningún tipo de información sobre o tema. Que o saiba todo o mundo", reiterou López-Pinel.

A nai de Diana Quer subiu nun vehículo acompañada por varias persoas. Ao longo desta primeira xornada deberá declarar como testemuña no xuízo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí