CRTVG

Buscar

A nai da vítima de Boiro anuncia que non recorrerá contra a sentenza contra o Chicle

Publicado o 03/05/2019 16:47

• Séntese indignada porque a pena de cinco anos está lonxe do que pedía a Fiscalía. Non recorrerá porque a súa filla quere "pasar páxina"

A nai da rapaza de Boiro atacada polo Chicle descarta recorrer contra a sentenza, aínda que non está conforme coa condena. Nunha entrevista que concedeu á Radio Galega, dixo que se sente indignada porque a pena de cinco anos de prisión está moi lonxe do que pedía a Fiscalía.

A condena de cinco anos e un mes de prisión para José Enrique Abuín, o Chicle, polo ataque á moza en Boiro, indigna a familia da vítima. Así o dixo Eli, a nai, na entrevista na Radio Galega.

Eli, nai da vítima de Boiro: "Eu estou indignada polo que pasou. Do que lle estaba pedindo o fiscal ao que o xuíz dou non ten límites. Que esta persoa, se non tivera o que ten detrás, en dous anos estaba na rúa, cruzándose con nós. Porque está a 10 quilómetros".

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, considera que o Chicle foi o autor dun delito de detención ilegal consumado e doutro de agresión sexual en grao de tentativa, pero fixou unha pena lonxe dos 16 anos que pedía a Fiscalía. Malia a isto, a nai da moza descarta recorrer.

Eli, nai da vítima de Boiro: "Ela o que quere é pasar páxina. Non quere saber... Xa quería pasar páxina desde o principio e ela non quere máis".

A nai da vítima defende a continuidade da prisión permanente revisable.

Eli, nai da vítima de Boiro: "Polo menos que sigan tendo iso, porque si sacan iso xa non temos nada. Que temos que facer? Ollo por ollo e dente por dente?".

Asegura que en todo este proceso se sentiu arroupada pola familia de Diana Quer.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí