CRTVG

Buscar

A nai da nena morta en Cospeito deixa o hospital e ingresa en prisión

Publicado o 28/08/2019 10:10

Ingresou en prisión a nai da nena de sete anos que foi atopada morta na súa casa de Muimenta, en Lugo. Foi trasladada ao cárcere lucense de Bonxe, tras recibir a alta hospitalaria da unidade de psiquiatría do hospital. A xuíza de Vilalba que instrúe o caso xa decretara prisión provisional, comunicada e sen fianza, por un suposto delito de homicidio ou asasinato, para a nai da pequena de Cospeito. 

Desirée Leal aparecía o tres de maio morta na súa cama de Muimenta, en Cospeito. Os feitos acontecían ás oito da mañá, cando a nai da menor acudiu ao cuarto da avoa materna en pixama e lle dixo que a nena morrera. Aseguraba que a pequena bebera unha botella de auga con antidepresivos que ela deixara no cuarto para tomala. Unha versión falsa que se desmontaría máis tarde porque a botella que contiña esas substancias non se atopaba na mesa de noite e non había restos significativos do fármaco nas analíticas practicadas no cadáver.

Faleceu por mor dunha asfixia por compresión. Aínda que no informe da autopsia non se especifica o obxecto que afogou a pequena, todo apunta a que foi cunha almofada, xa que nas beiras da que estaba na súa cama acháronse restos de sangue. O informe forense non deixa dúbidas sobre que a autora da morte da pequena foi a súa propia nai, Ana Sandamil. Acredita que no corpo da menor se atoparon cantidades mínimas de antidepresivos, o que desmontan varias das versións que a súa proxenitora deu aos investigadores nas súas declaracións.

A presunta asasina estivo ingresada no hospital recibindo tratamento psiquiátrico durante estes catro meses.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí