CRTVG

Buscar

A nai condenada a non ver o fillo por unha labazada di que é vítima dunha vinganza

Publicado o 18/12/2020 14:30

Esta é a historia arrepiante dunha nai compostelá condenada a non ver o seu fillo por darlle unha labazada. Ela mantén que esa agresión nunca se produciu e que foi unha manobra orquestrada polo home e a filla maior, que non aceptan que ela iniciara os trámites do divorcio e que refixera a súa vida con outra persoa.

Cristina di que está vivindo un calvario. Hai ano e medio que o pai non lle deixa ver o neno e agora suma os 6 meses da condena. Asegura que separala do seu fillo non é beneficioso para el e teme que lle xere secuelas esta situación.

O arrepiante testemuño de Cristina comeza co relato dos celos e o maltrato psicolóxico que asegura que sufriu durante 29 anos de matrimonio. En 2017 decide iniciar os trámites do divorcio e comeza outro calvario. O home non o acepta e as fillas maiores culpabilízana e toman partido polo pai.

No medio desa tensión prodúcese unha discusión familiar, pai e filla acúsana de darlle unha labazada ao neno, que tiña 9 anos daquela. Ela négao e a pesar das contradicións e a manipulación do rapaz que a xuíza aprecia e recoñece na sentenza, Cristina foi condenada por un delito de lesións.

Cristina ten unha orde de afastamento do seu fillo durante 6 meses, pero xa leva ano e medio sen velo porque o home non llo devolveu despois dunha viaxe o verán pasado. Cristina acata a sentenza. Xa empezou a pagar a pena, pero considera que a condena non só é un castigo para ela, senón tamén para seu fillo. Teme as secuelas que lle poida ocasionar.

A pena invade a Cristina porque a orde de afastamento rematará en maio, pero aínda non poderá recuperar o seu fillo. Despois só o poderá ver unha hora á semana nun punto de encontro.

Noticias web

18/12/2020