CRTVG

Buscar

A muralla de Lugo volve ser vítima dos vándalos

Publicado o 13/08/2019 14:36

As pedras arrincadas son a proba do último acto vandálico cometido contra a muralla romana de Lugo. Os desaprensivos arrincáronas probablemente cando tentaban subir dende o chan ata a parte superior do monumento e alí seguen tiradas. As falcatruadas contra a muralla soen suceder nas noites das fins de semana pero no verán danse calquera día. Nesta zona, coñecida como o paseo do Cantiño, téñeno máis doado porque non hai alumeado público e poden actuar sen seren vistos e sen que os coches da policía poidan acceder ata o lugar. "Aquí poden actuar con impunidade porque como non hai ningunha vixilancia fan o que lles da a gana. Ata montan o botellón."

Ademais dos danos na muralla, os veciños lamentan tamén a deterioración da súa contorna. As paredes están cheas de pintadas, algunhas delas de moi mal gusto, os charcos sucédense cada poucos metros e os excrementos dos cans esténdense por todo o paseo. Por outro lado, sábese que os vándalos aproveitan o estado de abandono dalgúns edificios e terreos para organizar o botellón. O paseo está pechado ao paso polas noites pero os desaprensivos non atopan ningún atranco para acceder a el. Por eso, os veciños piden máis medidas de vixilancia na zona, incluindo cámaras de gravación. "Unha boa medida sería utilizar cámaras de vixilancia que servirían para disuadir os vándalos e para identificalos se hai accións coma esta."

Os veciños lamentan tamén a mala imaxe que transmite esta zona da muralla por culpa dos actos vandálicos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2019