CRTVG

Buscar

A muller acoitelada pola súa ex-parella en Pontevedra está fóra de perigo

Publicado o 02/12/2019 19:31

Un veciño que escoitou a chamada de auxilio foi quen deu aviso á policía do que estaba vendo desde a súa fiestra: unha muller ferida nun portal e un home que botaba a correr. Foi neste barrio pontevedrés de Monte Porreiro, de madrugada. A vítima, de 33 anos, baixara da súa casa, onde se producira o ataque, coa intención de timbrarlles aos veciños do edificio para pedir axuda. F

oi ingresada en Montecelo e recupérase en planta das coiteladas sufridas, porque non se teme pola súa vida. O presunto agresor, de 34 anos, foi arrestado na Avenida de Lugo pouco despois por axentes da Policía Local, que tamén localizaron a arma branca que supostamente empregou e que xa está a analizar a Policía Científica da Policía Nacional. Está previsto que pase a disposición xudicial nas próximas horas, no entanto permanece detido nos calabozos da comisaría.

O home e a muller mantiveran unha relación que finalizou hai anos e na que xa existían denuncias por violencia de xénero. De feito, o home tivo unha orde de afastamento que se retirou en 2012. O ataque produciuse nunha das visitas que o home lles facía aos seus dous fillos menores de idade, e que estaban na vivenda nese intre. O concello de Pontevedra xa emitiu unha declaración institucional de condena desta agresión machista. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019