CRTVG

Buscar

A muller acoitelada en Pontevedra está fóra de perigo e o seu agresor agarda a que o xuíz decida o seu futuro

Publicado o 03/12/2019 14:32

O home que presuntamente lle asestou á súa ex-muller varias coiteladas, no seu domicilio do barrio de Monte Porreiro, está pendente de pasar a disposición xudicial nos xulgados da Parda, en Pontevedra. A muller que está xa en planta e fóra de perigo, pasou boa parte da mañá prestando declaración no mesmo hospital de Montecelo onde se recupera favorablemente das feridas que non afectaron ningún órgano vital.

O presunto agresor permanece nos calabozos da Policía Nacional despois de ser detido onte na avenida de Lugo. O home, de 34 anos, acudiu ao domicilio da súa ex-muller para estar cos dous fillos pequenos que ambos os dous teñen en común. A suposta agresión produciuse de madrugada dentro do domicilio. A muller puido saír ao portal para pedir auxilio a través do interfono dos seus veciños que viron como o presunto agresor fuxía do inmoble e era localizado pouco despois.

Fontes policiais confirman que o detido tivo en vigor unha orde de afastamento contra a muller pero que esta expirou en 2012. Dende entón realizaba visitas periódicas aos pequenos que no momento do acoitelamento estaban no interior da vivenda.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019