CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A mostra 'Superpoderes'; o mellor aperitivo do Salón do Cómic da Coruña

Publicado o 31/07/2018 15:26

Os amantes do cómic teñen dende hoxe unha cita ineludible na sede de Afundación na Coruña. Como aperitivo do Salón Internacional do Cómic, que chegará nunha semana como todos os veráns, a mostra 'Superpoderes' de David Aja e David Rubin achega a Galicia dous dos mellores debuxantes de superheroes do mundo.

A mostra recolle máis de 350 obras destes dous artistas españois, algunhas delas inéditas e outras como referencia aos seus traballos máis importantes. David Aja é de Valladolid e xa é un artista consolidado, coñecido polo seu traballo en Marvel e gañador de varios premios Eisner, os Oscar do cómic. A súa presenza e influencia no cómic americano de superheroes é manifesta.

David Rubin, ourensán, e máis un recentemente chegado ao mercado norteamericano, pero cunha gran experiencia anterior e personaxes moi apreciados, polo que este ano está nominado a 4 premios Eisner.

'Superpoderes' pretende ser unha reflexión sobre a icona e o simbolismo do superheroe clásico e a súa evolución da man destes dous artistas que se achegarán ata a Coruña cando as súas axendas llelo permitan entre hoxe e o 30 de setembro que permanecerá aberta a mostra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí