CRTVG

Buscar

A Mostra de Teatro Infantil completa diariamente o aforo en Ourense

Publicado o 27/12/2019 20:12

Catorce compañías de Galicia, Andalucía, Asturias, e o País Vasco participan nesta décimo sexta edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense. Inaugurouse o pasado día 21 e vaise prolongar ata a véspera de fin de ano, con propostas que abranguen desde a representación sobre o escenario ata rock para público infantil.

Co aforo do Teatro Principal completo, os máis pequenos agardaban impacientes o inicio do espectáculo: "Estou no Teatro Principal para ver..." "Vai ser música, porque hai unha batería aí. A min gústame a música". "Gústame todo o que sexa do teatro: música ou funcións, o que sexa".

Hoxe toca música, con mensaxe. Rock infantil da man da Gramola Gominola.

"Inténtase transmitir valores: solidariedade, entender aos demais, empatía...", explica Fernando Dacosta, director da MOTI.

Distintos escenarios para diferentes propostas. As asturianas La Sonrisa del Lagarto, cóntannos un conto en teatro de sombras: "O xogo, que é o xogo teatral, é algo moi natural no neno. Porque os nenos xogan e fan teatro de xeito natural. Por iso o teatro é tan cercano a eles".

Ata o luns, incluído, continúa a MOTI que, aos seus dezaseis anos xa deu o salto á segunda xeración, consolidando o público da primeira e sumando moito máis.

Noticias web

27/12/2019

Máis sobre Ourense