Dous novos falecementos elevan a 696 as vítimas pola covid−19 en Galicia
• A área da Coruña é a que rexistra un maior descenso nos casos activos (51). Pontevedra é a que máis sobe (+49)
Sanidade confirmou esta tarde o falecemento de dúas persoas en Galicia que foran diagnosticadas por coronavirus. Un home de 86 anos que estaba ingresado no HULA e procedente da residencia de Outeiro de Rei e dunha muller de 91 anos que estaba ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira, ambos con patoloxías previas.
Pola mañá confirmárase o falecemento un home de 86 anos que estaba ingresado no CHUAC e que presentaba patoloxías previas. Así mesmo, notifícase a morte dunha muller de 99 na residencia de maiores DomusVi Lugo de Outeiro de Rei na tarde deste luns. Entre onte e hoxe morreron catro usuarias deste xeriátrico lugués intervido pola Xunta hai unha semana, e a cifra de vítimas mortais ascende a oito.
En total xa son 696 as persoas falecidas en Galicia dende o inicio da pandemia.
Galicia contabiliza 4.301 casos activos de coronavirus, segundo os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 37 casos activos máis ca este luns. Por outra banda, notifícanse 253 novos contaxios.
O reparto por áreas sanitarias é o seguinte:
• 1.246 (-51) na Coruña
• 772 (-23) en Lugo
• 503 (+21) en Ourense
• 552 (+49) en Pontevedra
• 373 (+12) en Vigo
• 673 (+33) en Santiago
• 182 (-4) en Ferrol
Onde máis se incrementan os casos activos é na área de Pontevedra-Salnés, con 49 máis ca onte. A área da Coruña é a que rexistra un maior descenso nos casos activos, tras comunicarse 51 menos.