CRTVG

Buscar

Galicia suma 23 mortos e supera os 1.500 contaxios

Publicado o 24/03/2020 18:32

• A última falecida é unha muller de 91 anos en Ferrol

 

Galicia suma 23 mortos e supera os 1.500 contaxios

Falece unha muller de 91 anos que estaba ingresada no CHUF de Ferrol. Fora diagnosticada de coronavirus e tiña varias patoloxías previas. É a vítima mortal número 23 en Galicia e a cuarta en Ferrol.

Hoxe confirmáranse outros dous falecidos: un home de 83 anos, que estaba ingresado no Hospital da Mariña e que tiña patoloxías previas; e outro, de 61 anos, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e tamén tiña patoloxías previas.

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.521, un 20,8% máis que os rexistrados o luns após detectarse 262 novos positivos. Do total de infectados, 68 están ingresados en UCI, 393 en hospitalización e 1.060 permanecen nos seus domicilios.   Diso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha conferencia de prensa ofrecida na tarde deste martes, na que deu conta de que hai 17 pacientes máis en UCI (+33%).   Ademais, as persoas ingresadas en plantas de hospitais aumentaron en 73, o que supón un 22,8% máis.

Pola súa banda, hai 172 novos casos positivos que permanecen nos seus domicilios, o que supón un incremento do 19,37%.   Segundo os últimos datos de Sanidade, na tarde deste martes os falecidos en Galicia con coronavirus elévanse a 23. Pola súa banda, xa recibiron a alta un total de 25 persoas.

Feijóo lanzou unha mensaxe de "ánimo" a todas as persoas hospitalizadas, ás que sinalou que "están nas mellores mans posibles" e trasladou o seu pesar aos familiares e amigos de todos os falecidos.   Ademais, felicitou a todos os profesionais sanitarios e, especificamente, aos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), o centro con "máis presión" por número de casos.

Na súa comparecencia, Feijóo sinalou que, como "era previsible", séguese incrementando a curva de contaxios. "Isto significa que cantos máis test diagnósticos fagamos, cantas máis persoas teñamos diagnosticadas, máis posibilidades hai de detectar os positivos", indicou para asegurar que esta iniciativa "preventiva" fai Galicia estea "preparada" para "peores momentos" que "están por chegar".

Na súa intervención, ademais, o máximo mandatario autonómico asegurou que a situación en Galicia é "lixeiramente menos mala" que a da maioría das comunidades autónomas.   "Ogallá que a anticipación que adoptamos en Galicia, sobre todo o traballo dos traballadores sanitarios e sociosanitarios e tamén a responsabilidade de todos os galegos que están confinados nas súas casas, sigamos nunha situación un pouco menos mala", sinalou.   Con todo, asegurou que non se pode descartar que nas próximas semanas Galicia entre nunha situación "peor" que a actual".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí