Modernizar a rede ferroviaria, prioridade nos presupostos do Estado de 2022 en Galicia
• Feijóo bota en falta proxectos nos presupostos pero valora o gasto no Corredor Atlántico
• O Goberno destaca o "impacto histórico" dos seus orzamentos en Galicia
Coa chegada do AVE prevista para decembro, esta partida deixa de ser a prioritaria nos presupostos destinados a Galicia. Pero o ministerio de Transportes segue a ser o que desembolsa a maior contía nas contas do ano que vén, porque agora a prioridade pasa a ser a modernización da rede ferroviaria convencional.
Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana: "Investimos case 420 millóns de euros, un 81% máis, en actuacións ferroviarias destinadas a continuar os investimentos no Eixo Atlántico e as intermodais".
O Corredor Atlántico é o investimento prioritario, unha obra clave que permitirá conectar os portos galegos con Europa por tren. Tamén se destinan 250 millóns de euros á reforma da rede ferroviaria entre Lugo e Ourense. O tren ao porto exterior da Coruña contará con 171 millóns. E Defensa destina 122 millóns á construción das fragatas F-110 en Ferrol.
Os presupostos non contemplan actuacións decisivas no AVE a Ferrol e Lugo, e manteñen e en estudo o acceso rápido da Alta Velocidade a Vigo por Cerdedo. Tamén deberá agardar a autovía Ponferrada-Monforte e a de Ourense a Lugo por Chantada.
O Goberno fala de discriminación positiva para Galicia porque os case 1.075 millóns de euros contemplados nos orzamentos supoñen un incremento do 29 por cento respecto do ano pasado.