CRTVG

Buscar

A mocidade da Mariña está chamada a un cribado masivo na busca de asintomáticos

Publicado o 22/07/2021 15:33

O Sergas vai actuar con contundencia para detectar e illar os casos de coronavirus que se están a producir entre os mozos da Mariña. Tan só en Viveiro hai 1.700 menores de 30 anos citados para un cribado masivo na xornada do sábado. Tamén vai haber probas dirixidas a xuventude en Ribadeo, Foz e Burela dende mañá. Dende o hospital de Burela piden unha participación masiva para poñer freo a esta quinta ola. "Pedimos participación para detectar asintomáticos e poder controlar a situación", di María José Cortes, coordinadora do distrito sanitario da Mariña.

Parece que desta volta os máis novos están concienciados da gravidade da situación e agárdase que a asistencia aos cribados sexa abondosa. Sen dúbida pode influír o feito de que para acceder aos locais de hostalería da Mariña vai ser preciso, dende o sábado, presentar un test ou unha PCR negativos ou un certificado de vacinación.

A parte positiva é que a presión asistencial segue baixa na Mariña. Só hai cinco persoas ingresadas por covid e ningunha delas na UCI.

Noticias web

22/07/2021