CRTVG

Buscar

A misa online xunta a veciñanza dunha parroquia do Incio cada domingo

Publicado o 17/10/2021 14:34

Adaptarse ás novas posibilidades tecnolóxicas. Iso foi o que escolleron en Laiosa, unha parroquia do Incio na que, para evitar quedar sen a misa dominical, decidiron que o seu crego retransmitise en directo a misa que celebra cada domingo noutra parroquia. 

Xosé Luís, o crego do Incio, atendeunos minutos antes de celebrar a misa desta mañá na igrexa parroquial de Santa Cruz. Aquí ten instalado un pequeno sistema formado por un teléfono móbil, un trípode e unha conexión a internet.

A idea xurdiu logo de que a Xosé lle tocase atender máis de trinta parroquias e, claro, así non dá feito para misar en todas, co cal esta foi a maneira de que os veciños de Laiosa sigan asistindo a misa cada domingo, algo que en moitas parroquias galegas non só é un acto relixioso, senón tamén un acto social.

Outra das peculiaridades da misa online de Laiosas é que aquí quen reparte a hostia é unha muller, a sancristá. Agora cada domingo xúntanse de novo os veciños na igrexa parroquial de Laiosa. Aquí a tecnoloxía no canto de illar, une e achega ás persoas.

Noticias web

17/10/2021