CRTVG

Buscar

A ministra saínte de Xustiza, Dolores Delgado, nova fiscal xeral do Estado

Publicado o 13/01/2020 09:38

A ministra saínte de Xustiza, Dolores Delgado, foi proposta para a designación como nova fiscal xeral do Estado, segundo informou a Cadena Ser. Delgado substitúe a María José Segarra. 

Era unha das incógnitas dos primeiros compases no novo goberno e xa foi despexada. A ata agora ministra de Xustiza, Dolores Delgado, será a nova Fiscala Xeral do Estado.

Delgado entrega hoxe a sú carteira ministerial a Juan Carlos Campo e toma a remuda de María José Segarra. A substitución na Fiscalía Xeral do Estado ten especial relevancia despois das discrepancias entre Fiscalía e Avogacía Xeral do Estado a conta do xuizo do Procés. A Fiscalía mantivo a acusación por rebelión e finalmente impúxose a tese da Avogacía Xeral, que optara por rebaixar a cualificación dos feitos como sedición. 

O seu nomeamento chega con polémica. A Asociación de Fiscais, colectivo maioritario do gremio, amósase moi crítica coa proposta do Goberno.

Con todo, hai quen cre que Dolores Delgado non se vai someter á Moncloa, por moito que ata hai poucos días sentara no Consello de Ministros. A Unión Progresista de Fiscais, á que pertenceu, sae na súa defensa.

Onomeamento de Delgado non será votado nas Cortes e depende só de que ela acepte. A ex-ministra de Xustiza entrou no Goberno como independente, pois fiscais e xuíces teñen prohibido afiliarse a ningún partido político, pero tomou parte na última campaña electoral do PSOE. Antes, acompañou os familiares de Francisco Franco na exhumación do ditador do Val dos Caídos, e protagonizou unha polémica ao se filtrar uns audios seus co ex-comisario Villarejo. Daquela o PP pedira a súa dimisión no Congreso, petición ante a que se abstivo Podemos, agora parte do goberno de coalición.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí