CRTVG

Buscar

A ministra de Industria non descarta outro "socio industrial" como solución ao peche de Nissan

Publicado o 30/05/2020 20:55

O Goberno proponlle a Nissan conformar un grupo de traballo para encontrar unha solución ao peche da planta de Barcelona. O diálogo segue aberto, pero tampouco se descartan escenarios alternativos.

Esta é a versión da ministra de Industria, Reyes Maroto: "Nestas semanas ou meses podemos convencer a Nissan de que pechar a planta lle vai custar mil millóns e con catrocentos millóns, que son os que nos estimamos, podería haber un plan industrial cun novo vehículo moderno que permita o mantemento das capacidades produtivas que Nissan ten. E podémolo facer con Nissan ou, no seu caso, buscar outro socio industrial".

Mentres, desde Asuntos Exteriores, a ministra González Laya di que seguirán loitando pola permanecia dos postos de traballo e lembra que Nissan se desdixo do compromiso ao que chegara a comezos de ano: "Foi en xaneiro, nunha xuntanza co máis alto representante de Nissan, na que se comprometeron a manter o emprego en España, pero vimos e lamentamos esta decisión recente na que cambian de estratexia industrial".

Pola súa parte, Quim Torra reclama a unidade de Goberno central, Generalitat, axentes sociais de Cataluña e comité de empresa de Nissan con dous obxectivos centrais: "Estamos reclamando todos o mesmo. Estamos reclamando que non peche a planta de Nissan; estamos reclamado interlocución directa co Xapón e farémolo desde esta unidade".

Precisamente, o Goberno de Pedro Sánchez e o executivo de Torra van manter unha xuntanza bilateral a semana vindeira na procura de solucións.

Noticias web

30/05/2020