Maroto di que non hai estatuto electrointensivo pola "inestabilidade política"
A ministra de Industria dixo que o estatuto das electrointensivas non está aprobado pola inestabilidade política dos últimos anos. Foi despois de que o PP a acusara de inacción e de enganar os traballadores de Alcoa. Non foi o único asunto de Galicia que se abordou no Senado. Os populares acusaron o Goberno de prexudicar a nosa comunidade co financiamento. A ministra de Facenda negouno.
"Galicia si, cumpriu cos seus obxectivos. Foi unha comunidade leal. Neste momento está sendo discriminada. E se xa partiamos de 370 millóns de euros menos antes da pandemia agora, como consecuencia da pandemia, estiveron vostedes incrementando esa discriminación. Comprométanse vostede hoxe aquí con todos os galegos que van recibir todo o que lles corresponde que suma xa 1.500 millóns de euros. Comprométase cunha comunidade que non merece máis que as demais, pero tampouco menos", di Elena Muñoz, senadora do PP.
"Nego a maior. Nunca, xamais, en ningún caso este Goberno prexudicou a Galicia. Fronte aos 2.500 millóns do sistema de información do IVE, este Goberno respondeu este ano con 16.000 millóns dun fondo non reembolsable. Abandeiráronse ao canto peor mellor. Vostede aboáronse ao ruído. A este Goberno van atopalo traballando. Aí estaremos cando volvan á cordura", asegura María Jesús Montero, ministra de Facenda.
"Vostede xa enganou os traballadores de Alcoa. Vostede tardou un ano en reunirse con eles. E que fixo desde ese tempo ata agora?. Nada. Isto non é serio, señora ministra. Vostedes teñen na súa man a solución. Vostede ten na súa man que Alcoa non peche. É unha decisión política. Simplemente ten que aprobar esas alegacións e poñer enriba da mesa ese estatuto. E, por favor, non siga no engano", afirma Xosé Manuel Barreiro, senador do PP.
"O estatuto do consumidor electrointensivo puxémolo na axenda, e parece que non pasou nada. Tivemos inestabilidade política e varias eleccions que dificultaron que poidamos levar este estatuto ao Consello de Ministros. O seu grupo parlamentario e a Xunta de Galicia levan dous anos buscando culpables. Vostede sabe que a Xunta ten competencias exclusivas en materia industrial?. Suxírolle que lea o artigo 30 do estatuto de autonomía de Galicia", declara Reyes Maroto, ministra de Industria.