A metade dos citados no cribado masivo da Coruña non acode á proba
O cribado masivo iniciado o venres na Coruña trata de frear a transmisión do virus neste concello, á cabeza das cidades grandes galegas en casos activos.
Están citados 153.000 veciños, pero a participación de momento foi menor da desexada. "Estamos un pouco descontentos porque a participación non está sendo a esperada. É de aproximadamente o 50 por cento", lamenta a coordinadora do dispositivo.
Os organizadores invitan aos citados que non acudiron a que o fagan. É unha proba de saliva e só precisan ir polo frasco, recoller a saliva en xaxún na casa e entregalo. Mesmo poden mandar alguén polo material presentando a citación. "Se estás citado, ven, ten un respecto pola poboación", opina un dos convocados. "Para ir limpando todo isto", di outro. "Todos deberiamos vir", asevera un terceiro citado.
Recoller a mostra na casa é sinxelo, pero tamén se están detectando no punto de recepción probas aparentemente mal feitas. "Hai algunhas que veñen excesivamente transparentes, coma se non levasen saliva ou lle quitasen o líquido rosa que leva dentro. Entón non sabemos se a xente está botando auga...", explica Sara Carreira, membro do dispositivo.
Insisten na importancia deste cribado e recordan que estarán ata o xoves, da mañá á tarde, para atender todos os citados.