CRTVG

Buscar

A metade dos albergues públicos do Camiño abrirán a partir do 15 de xuño

Publicado o 10/06/2021 11:14
A metade dos albergues públicos do Camiño abrirán a partir do 15 de xuño

A metade dos albergues públicos abrirán o 15 de xuño para dar servizo ao aumento da demanda de peregrinos no Camiño de Santiago. Así o apunta a Vicepresidencia Primeira da Xunta, que destacou que desde abril chegaron case 8.000 camiñantes.

A intención da Xunta de Galicia é a de abrir antes os albergues das rutas que teñen menos oferta de aloxamentos privados e seguir compatibilizando os dous modelos. No camiño francés retomarán a súa actividade cinco establecementos e tamén no inglés, catro no camiño de Fisterra-Muxía e no do Norte, tres no camiño primitivo, dous no portugués e dez na Vía da Prata. O 1 de xullo abriranse o resto dos albergues públicos. 

Grupos burbulla

Tras as últimas recomendacións do comité clínico, os albergues terán un límite de ocupación do 30 %, e as persoas que por escrito manifesten ser un grupo burbulla poderán compartir cuarto. Na consellería insisten en que os albergues "abrirán con todas as garantías sanitarias para acoller os peregrinos" e subliñan a formación que recibiron os hospitaleiros e tamén as axudas outorgadas aos establecementos para adecuaren os seus locais.

No mes de maio o número de credenciais foi de 4.295, mentres que na primeira semana de xuño xa se rexistrou a entrada de máis de 2.400.

 

Noticias web

10/06/2021