CRTVG

Buscar

A mesa multilateral sobre Alcoa reúnese este xoves sen trazas de acordo

Publicado o 28/04/2021 18:11
A mesa multilateral sobre Alcoa reúnese este xoves sen trazas de acordo


A mesa multilateral sobre o futuro de Alcoa na Mariña de Lugo reúnese este xoves outra vez, nesta ocasión ás 15.00 horas e sen visos de que se poida alcanzar un inicio de acordo para a venda no prazo do 30 de abril que se deron empresa e comité. Esta situación, segundo advirten os representantes dos traballadores desde hai días, aboca o persoal ao regreso á mobilización, para esixir un futuro para a factoría e o mantemento dos postos de traballo.

As negociacións entre a multinacional estadounidense e a sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) seguen estancadas, co obstáculo da petición de indemnización ante eventuais reclamacións xudiciais que expón Alcoa e as dúbidas sobre a viabilidade do comprador privado ao que despois se transferiría a fábrica.

Neste contexto, este mércores transcendeu que a Avogacía do Estado comparecerá, para defender os intereses do Ministerio de Industria, na causa penal que se segue pola venda das que eran factorías de Alcoa na Coruña e Avilés.

Pola súa banda, o comité afeoulle ao ministerio que estea "desaparecido" e advertiu de que o PSOE "será responsable do que pase". O ano pasado, o primeiro intento para negociar a venda da planta resultou frustrado. Por entón, a compañía pretendía aplicar un despedimento colectivo para máis de 500 persoas que tombou a xustiza. Agora, está á espera de que o Tribunal Supremo resolva o seu recurso contra esta decisión.