CRTVG

Buscar

“Nós feiramos de segunda a sexta”, a campaña para recuperar o nome tradicional dos días

Publicado o 30/01/2018 19:32

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) van desenvolver ao longo do 2018 unha campaña para promover os días da semana tradicionais: domingo, segunda feira, terceira feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado.

A iniciativa, chamada “Nós feiramos de segunda a sexta”, vai destinada principalmente aos máis pequenos e aos medios de comunicación dixitais. Dará comezo oficialmente o 19 de febreiro cunha conferencia de prensa e o domingo 25 cun evento en Padrón.

A campaña tamén contará co apoio audiovisual da banda de música infantil Mamá Cabra, que compuxo a canción 'Na segunda feira' dirixida aos nenos para facilitarlles a aprendizaxe dos días da semana.

Ademais, a Mesa e a AGAL pediranlles aos medios de comunicación e ás plataformas dixitais que usen estas formas de xeito total ou parcial. A partir do día 19, será distribuído un bánner que informará do día e do mes no que estamos e ao premer aparecerá a información lingüística e histórica dos días da semana.

Segundo os promotores, as denominacións dos días da semana tradicionais resistiron como maioritarias ata ben entrado o século XX, pero foron caendo no esquecemento cando na escola se comezaron a promover outras formas adaptadas do castelán.

Aproveitando o feito de aínda estaren vivas as formas tradicionais da maior parte do territorio (aínda que só en persoas moi vellas), e de estaren admitidas pola norma oficial do galego, queremos darlles un impulso e evitar a súa desaparición”, afirman os promotores.

Desde a Real Academia Galega informan de que recollen as dúas formas como correctas e e que non teñen establecida ningunha recomendación de prioridade de uso. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/01/2018