CRTVG

Buscar

A Mesa do Parlament avala retirar a condición de deputado a Torra

Publicado o 27/01/2020 17:36

• Torra desafía a Torrent e esixe manter o seu escano

• O presidente da cámara suspende a sesión momentaneamente tras escoitar berros de "delincuente" de Cs conta Torra

• JxCat decide non participar nas votacións se non vota Torra

EN DIRECTO | O Parlament debate o futuro de Torra

 

O presidente da Generalitat de Cataluña, Quim Torra, pediulle este luns ao presidente do Parlament, Roger Torrent, defender os seus dereitos como deputado e esixiu á Cámara reverter a súa inhabilitación, advertindo de que se non o fai "poñerá en risco as institucións". "Apelo a todos os deputados a que se reverta esta irregularidade, este feito ilegal, de forma inmediata. Se non é así, poñerán en risco a continuidade das institucións", explicou Torra, nunha intervención no pleno facendo valer a prerrogativa do presidente do Executivo para intervir cando o considere conveniente.

Previamente, Torrent constatara que Torra perdera a súa acta como deputado, pero que iso non conlevaba a perda da súa condición de presidente da Generalitat e Torra exerceu este dereito, reprochando ante a cámara que non se lle informou da súa inhabilitación e que saía a defender os seus dereitos.

"Pídovos presidente a oportunidade de defender os meus dereitos como deputado desta cámara", dixo Torra en alocución a Torrent e lembrou o pleno do Parlament do 4 de xaneiro en que o ratificaron como presidente e deputado, e a declaración do Govern e os grupos independentistas no mesmo sentido do 10 de xaneiro, ambas previas a que o Tribunal Supremo ratificara a decisión da Xunta Electoral Central

O presidente dirixiuse ao hemiciclo e cuestionou sobre se teñen algunha validez esas decisións, votadas na Cámara ou validadas polo Executivo catalán: "Ten algún valor o que votamos ou o que acaba sendo simbólico son as votacións deste Parlament?". Na súa pregunta Torra utilizou a mesma fórmula que o presidente do grupo republicano no Parlament, Sergi Sabrià, utilizara para defender que había que aceptar a inhabilitación de Torra -e conseguir revertela- para garantir o voto do Parlament.

A alegación de Torra pivotou arredor de que a vontade popular debe prevalecer "por enriba das irregularidades" e ao redor da advertencia aos seus socios republicanos de que, sen respectar esa premisa, non hai camiño posible ao obxectivo común, que é a independencia.

"A miña pregunta é que, se permitimos que un órgano administrativo sen competencias e politizado quite e poña deputados a súa conveniencia, se permitimos que o faga en base a unha lei pensada para terroristas e corruptos, permítanme que o mínimo que o presidente faga sexa defender a súa honra e os seus dereitos", insistiu Torra.

Reiterou que, segundo el, segue sendo presidente da Generalitat e deputado do Parlament e que só a Cámara pode quitarlle esa condición: "Ningún secretario xeral ten as competencias para facelo", dixo en referencia ao secretario xeral da Cámara, Xavier Muro, que este luns deu cumprimento á orde da Xunta Electoral.

"Hoxe ábrese a porta para despezar as institucións, a que a ZEC destitúa deputados, alcaldes, consellers, a todos aqueles que molesten. E eu creo que non podemos permitilo. Non podemos permitilo cando a cuestión de fondo é a defensa da liberdade de expresión, dos dereitos e liberdades do noso país", clamou o presidente.

Lembrou que aceptou o encargo do ex-presidente Carles Puigdemont de substituílo á fronte da Presidencia sen "ansias de poder, pero con toda a ambición para o país, un país libre onde se respecten os dereitos e as liberdades", e subliñou que defende o seu escano, non porque sexa seu, senón porque pertence aos cidadáns que o votaron.

"Xa basta de non facer caso á palabra dos cidadáns!. Son deputado e presidente de Cataluña e só este Parlament pode cambiar estas dúas realidades", incidiu e advertiu de que se non se respectan póñense en risco as institucións, no sentido de que o seu grupo considera que sen ser deputado pode ser suspendido como presidente e sen presidente hai que disolver o Parlament e convocar eleccións.

ERC négalle o aplauso a Torra

Ao terminar a súa intervención, o presidente ocupou o seu escano e provocou o aplauso tanto dos deputados como dos consellers de JxCat. Con todo, nin os deputados nin os consellers de ERC aplaudiron ao presidente, excepto Antoni Castellà, líder de Demòcrates, que se presentou cos republicanos ás últimas eleccións.

A decisión da Mesa

A Mesa do Parlament apoia as instrucións dadas polo secretario xeral da cámara, Xavier Muro, para facer efectiva a perda da condición de deputado do presidente da Generalitat, Quim Torra, en aplicación da orde da Xunta Electoral Central.

A Mesa, que estivo reunida este mediodía, desestimou unha proposta de JxCat para deixar sen efecto as instrucións dadas polo secretario xeral do Parlament ao entender que non contara co visto e prace do presidente da cámara, Roger Torrent, senón que actuara pola súa conta, segundo apuntaron fontes parlamentarias.