CRTVG

Buscar

A Mesa do Congreso decide hoxe sobre a suspensión dos deputados presos

Publicado o 24/05/2019 09:18

• Tras estudar o informe dos Servizos Xurídicos, podería suspender como deputados a Junqueras, Sánchez, Turull e Rull

• O PP e Ciudadanos din que o regulamento da cámara é claro, os deputados presos deben ser suspendidos de inmediato

A partir das doce e media deste mediodía, e tras estudar o informe dos Servizos Xurídicos, a Mesa do Congreso podería suspender como deputados a Junqueras, Sánchez, Turull e Rull. A presidenta, Meritxel Batet, quere tomar a decisión coa máxima seguridade xurídica, pero para PP e Ciudadanos o regulamento da cámara é claro e os deputados presos deben ser suspendidos de inmediato.

O PP baralla propoñer a reprobación de Batet, e mesmo denunciala por prevaricación se se dilata más a suspensión dos deputados independentistas en prisión preventiva.

"Que se aplique a lei sen dilación, os deputados están suspendidos por lei e debe facerse efectiva esta suspensión", advertiu onte Ana Pastor. 

Ciudadanos pedirá hoxe mesmo a dimisión da presidenta da cámara se a suspensión se atrasa.

"Que pretende a presidenta do Congreso, botarlle un pulso ao Tribunal Supremo?", preguntouse Juan Carlos Girauta, de Ciudadanos. 

Batet di que o que pretende é buscar seguridade xurídica e "garantir que toda decisión que tome a Mesa ao respecto ten fundamentos xurídicos sólidos e todas as garantías de non poder ser cualificada en ningún caso como unha decisión política", explicou a Presidenta do Congreso.

Na reunión de onte, os cinco deputados progresistas da Mesa, os de PSOE e Podemos, expresaron dúbidas sobre se procedería aplicar a Lei de axuizamento criminal e por iso pediron aclaracións.

Segundo Gloria Elizo, de Unidas-Podemos, "hai que examinar exactamente en que circunstancias nos atopamos, non descartar que a propia Mesa asuma que non é competente para a decisión que lle mandatou o Supremo".

O Supremo manifesta que non ten esa función. E Batet encargou para hoxe un novo informe aos Servizos Xurídicos da Cámara, que os nove membros da mesa analizarán a partir das doce e media do mediodía.

Noticias web

24/05/2019