CRTVG

Buscar

A mesa de diálogo reunirase cada mes alternativamente en Madrid e Barcelona

Publicado o 26/02/2020 21:28

• Compremétense a que calquera acordo estará dentro do marco xurídico

A mesa de diálogo sobre Cataluña entre o Goberno e a Generalitat reunirase cada mes e de forma alternativa en Madrid e Barcelona, segundo acordouse este mércores na primeira reunión deste foro celebrado no Palacio da Moncloa. Nun comunicado conxunto, ambas partes valoraron o encontro de hoxe no que constataron a "natureza política do conflito" e que require dunha "solución política". 

"Ambas delegacións coinciden en que a mesa de gobernos é un instrumento para vehicular unha solución e, por iso, emprazáronse a continuar traballando para impulsar o diálogo, a negociación e o acordo", aseguran. En calquera caso, engade o comunicado conxunto, calquera acordo que se adopte no seo da mesa formularase "no marco da seguridade xurídica".

Unha fórmula que xa se empregou en anteriores reunións entre o Goberno central e a Generalitat. Tras esta primeira reunión, á que asistiron os dous presidentes, Pedro Sánchez e Quim Torra, e varios vicepresidentes de ambos gobernos, habilitarase un novo "grupo de traballo" integrado por unha delegación de cada parte. Os presidentes e vicepresidentes incorporaranse á mesa cando sexa necesario ratificar acordos políticos, salvo que algunha das partes decida outra composición.

Torra pide illar a mesa de negociacións dos presupostos

O presidente da Generalitat, Quim Torra, avogou por illar a mesa de diálogo de calquera feito "que poida afectala", xa sexan as próximas eleccións catalás ou a tramitación dos orzamentos xerais do Estado. Na súa comparecencia tras a reunión en Moncloa, Torra lamentou a "discrepancia e a distancia" co Goberno de Pedro Sánchez á hora de abordar o conflito político en Cataluña, que para el baséase no dereito á autodeterminación e na amnistía. Aínda así, Torra valorou que houbo un "debate aberto e con liberdade de formulación", aínda que dixo que non tivo respostas por parte do Executivo de Sánchez: "Seguimos sen coñecer as respostas do Goberno de España ao conflito político catalán".

O Goberno non agarda froitos a curto prazo

A ministra de Facenda e Portavoz do Goberno, María Jesús Montero, asegurou esta noite, tras case catro horas de encontro entre o Goberno e a Generalitat na Moncloa, que non esperan froitos no curto prazo, pero que buscarán "fórmulas imaxinativas" para encamiñar o "conflito" en Cataluña. Montero asegurou que a reunión, aínda que "moi complexa, foi un primeiro paso moi importante para avanzar na normalización das relacións institucionais e "afectivas" tras 10 anos en que, segundo dixo, "só houbo confrontación e reproches".

A portavoz admitiu que son moitas as cousas que separan a ambos gobernos, pero considera que se empezou a crear novo clima, cunha nova interlocución que debe sentar as bases dunha etapa en que a protagonista sexa a axenda do reencontro.

A reunión estivo presidida por Pedro Sánchez e o Presidente da Generalitat de Cataluña, Joaquím Torra e a ela asistiron, por parte do Goberno, a vicepresidenta Carmen Calvo e os ministros María Jesús Montero, José Luis Ábalos, Carolina Darias, Salvador Illa e Manuel Castells. Por parte do Goberno da Generalitat, acudiron Pere Aragonès, Alfred Bosch, Jordi Puigneró, Elsa Artadi, Marta Vilalta, Josep Maria Jové e Josep Rius.