CRTVG

Buscar

A mensaxe ecolóxica de Pedro Sánchez ante a ONU constrasta cos discursos ultranacionalistas de Trump e Bolsonaro

Publicado o 25/09/2019 08:49

As referencias á política interna española centraron o discurso de Pedro Sánchez ante a ONU. Como xa fixera o día anterior durante o cumio sobre o cambio climático, o presidente do Goberno en funcións referiuse á aposta de España por lograr a transición ecolóxica. Moi distintos foron os discursos dos presidentes dos Estados Unidos e do Brasil, que poñen en dúbida a emerxencia climática. 

Non houbo grandes anuncios no discurso de Pedro Sánchez, que ante a Asemblea Xeral repasou a súa axenda de cooperación e transición ecolóxica e instou a actuar con urxencia.

"Actuemos xa porque a Terra estase desangrando. ESpaña está facendo un gran esforzo por formar parte dos países que lideran a axenda climática. Queremos demostrar con feitos o noso firme compromiso", dixo Sánchez.

Pedro Sánchez fala dunha emerxencia climática que non recoñecen moitos países. Por exemplo, O Brasil. Moi controvertido foi o discurso que fixo, o primeiro ante a Asemblea Xeral da ONU, o presidente deste país, Jair Bolsonaro, que negou que o Amazonas estea en perigo polo lume e que sexa un patrimonio de toda a humanidade.

"É un erro dicir que a Amazonia é patrimonio da humanidade e é un erro, como defenden os científicos, dicir que o noso bosque é o pulmón do mundo. Non está sendo devastado nin consumido polo lume como din os medios", asegurou Bolsonaro. 

Bolsonaro volveu reivindicar a soberanía do país. Tamén Donald Trump subliñou ante as Nacións Unidas a importancia de que os países conserven a soberanía. O presidente estadounidense remarcou a súa mensaxe nacionalista e atacou con forza as políticas de fronteiras abertas. Dixo que a inmigración ilegal é un dos desafíos máis críticos aos que se enfronta o mundo e asegurou que abrir as fronteiras está empoderando as organizacións criminais. Nun ton moito menos belixerante que outras veces, dixo que o seu país non quere inimigos permanentes, en relación a Irán e Venezuela.

Foi o presidente francés, Emmanuel Macron, quen ofreceu o contrapunto a este discurso nacionalista de Trump e apelou á coraxe para construír a paz. Fixo un chamamento aos Estados Unidos e Irán para negociar unha saída que evite un conflito en Oriente Próximo.

Noticias web

25/09/2019