CRTVG

Buscar

A melloría epidemiolóxica en Galicia, insuficiente para aliviar as restriccións

Publicado o 10/02/2021 21:21

• A situación das UCI é preocupante en cinco dos sete grandes hospitais

Os datos da evolución da pandemia en Galicia son alentadores. Diminúen os casos de covid−19 e baixa a incidencia acumulada tanto a sete como a 14 días. Tamén a positividade das PCR e o índice de reprodución, o número de persoas que contaxia un infectado. "Melloramos, iso é evidente, pero aÍnda temos unha taxas a sete e 14 días que debemos mellorar de xeito substancial", advertía a directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán.

De feito Galicia pasou na última semana de 740 a 590 casos por cen mil habitantes. Un descenso salientable, pero aínda duplica con moito os niveis considerados de risco extremo. A tendencia descendente repítese nas cidades e en todas as áreas sanitarias, con Lugo e Vigo na mellor situación.

"O único que reflicten estes datos é que as medidas que tomou a comisión clínica surtiron efecto, están surtindo efecto, e agardemos que esta liña teña continuidade", asegura Durán. "Un descenso importante pero insuficiente para falarmos de cotención desta terceira vaga e da pandemia. Hai que manter o esforzo", dixo o conselleiro de Sanidade.

Por iso se manteñen as restricións vixentes. Por iso e porque segue preocupando a presión hospitalaria.

A tendencia é boa nos ingresos en planta convencional, pero seguimos a ter unha situación realmente preocupante nas unidades de críticos, asegurou García Comesaña.

Cinco dos sete grandes hospitais están no nivel 3 de ocupación en UCI, dos catro previstos nos plans de continxencia. E estímase que un de cada cen enfermos de covid−19 ingresados en planta poden acabar necesitando coidados intensivos.

Noticias web

10/02/2021