A mellora da calidade do aire permite levantar os confinamentos
As poboacións confinadas este venres á noite, en El Paso e en Los Llanos de Aridane, e as que o estaban desde hai uns días en Tazacorte, xa poden saír das casas. Os responsables de prevención suspenderon o peche ao mellorar a calidade do aire. Advirten, porén, que seguen facendo medicións e que de se dar algún cambio, avisarían deseguido.
O desconfinamento é un alivio pero non todo son boas noticias. A rotura dunha condución de auga en El Remo deixou sen rega máis de 600 hectáreas de plataneiros. A alcaldesa de Los Llanos di que é unha catátrofe para o sector agrícola da zona, pero confía en que a chegada dunha desalgadora axude a paliar as consecuencias.
Precisamente en Los Llanos abriu unha oficina para orientar os afectados pola erupción, que vai traballar cun equipo mutidisciplinar que incluirá desde psicólogos ata xuristas e arquitectos.
Ao tempo segue adiante a axuda por parte de voluntarios, como Ana, que aínda que prepara oposicións fai unha parada para botar unha man. "Sempre está ben achegarse para que isto se faga máis rápido e os evacuados teñan todo o que necesiten", subliña.