CRTVG

Buscar

A máscara, de uso obrigatorio nos ximnasios de toda Galicia

Publicado o 09/09/2020 14:16

• A Xunta estende as restricións a Pontevedra e Ponteceso e levántaas en Arteixo, Santa Comba e algúns barrios da Coruña

• A Milagrosa terá xa as mesmas medidas ca o resto da cidade de Lugo

• As terrazas nas áreas con limitacións poderán estar ao 75 %

Núñez Feijóo reuniuse este mércores co comité clínico de expertos sanitarios para a xestión da crise derivada da pandemia da COVID−19.

Un dos temas que se trataron foi a situación dos centros sanitarios, tamén a decisión de aplicar o uso obrigatorio da máscara nos ximnasios, establecido a semana pasada nas zonas con restricións especiais.

Outra das decisións do comité fai que ascenda do 50 ao 75 % a capacidade en terrazas nestas zonas con restricións específicas.

Santiago, Ourense, Carballo e A Laracha manteñen esta condición, xunto co concello de Lugo. Os datos recadados na Milagrosa permiten volver ao mesmo nivel de restricións ca no resto da cidade.

O comité incorpora tamén os concellos de Pontevedra e Ponteceso dentro das zonas con restricións especiais e levanta as limitacións en Santa Comba, Arteixo e algúns barrios da Coruña.