CRTVG

Buscar

O público regresará aos estadios cando comece a liga de fútbol e a de baloncesto

Publicado o 24/06/2021 15:30

• Pódese quitar a máscara na rúa con distancia de 1,5 metros

• Hai que levala sempre e será obrigatoria no transporte

O Consello de Ministros extraordinario de hoxe aprobou a eliminación da obrigatoriedade da máscara en exteriores, que entrará en vigor o 26 de xuño, coa condición de que se poida manter a distancia de seguridade de metro e medio. Desta forma, flexibilízase tras máis dun ano unha norma que era de obrigado cumprimento en calquera circunstancia e espazo.

A nova norma esixirá o uso da máscara cando non sexa posible manter a distancia e en establecementos abertos ao público que sexan interiores, como as farmacias, os supermercados ou as bibliotecas. Tamén será obrigatoria no transporte público.

A ministra de Sanidade destacou: "Temos que levar a máscara sempre con nós, aínda que non a levemos posta".

Nas residencias de maiores reláxase o seu uso, pero o persoal e as visitas si que a deberán levar posta. Será obrigatoria en eventos multitudinarios, aínda que sexan ao aire libre, onde o público estea de pé, con aglomeracións ou sentados se non hai unha distancia de metro e medio.

Os estadios volven á normalidade

Os estadios volverán á normalidade ao comezo da liga de fútbol e da ACB de baloncesto e poderán recibir a mesma afluencia de público que tiñan antes da pandemia, segundo anunciou a ministra de Sanidade Carolina Darias. O real decreto aprobado suprime o artigo 15.2 desta normativa e, polo tanto, "volvemos á normalidade en canto á afluencia de público para o comezo da liga de fútbol e da ACB". Darias amosou o seu convencemento de que esta medida será "ben recibida" pola xente.

Noticias web

24/06/2021