A Mariña maniféstase contra o peche da multinacional eólica Vestas
A multinacional dinamarquesa pretende pechar a fábrica de compoñentes aeroxeradores de Chavín, onde traballan 115 persoas, a finais deste ano. Na Mariña saben moito de unirse para defender os empregos da veciñanza e, por iso, este sábado manifestáronse centos de persoas en Viveiro para que Vestas continúe coa súa actividade.
O anuncio do Expediente de Regulación de Emprego extintivo colleunos por sorpresa a principios da semana. Os sindicatos pensan que a factoría de compoñentes eólicos pecha para deslocalizar a produción a lugares como a China ou Portugal, como xa pasara en León no 2018, na planta de Villadangos del Páramo.
Segundo a multinacional, o peche débese a un axuste de negocio que tamén afectaría a outras dúas plantas, unha na Alemaña e outra en Dinamarca, ao tempo que aduce que esta fábrica non é sostible pola rápida transición enerxética e pola introdución de novos produtos.