CRTVG

Buscar

A marea vermella mantén pechados boa parte dos polígonos bateeiros galegos

Publicado o 22/04/2019 14:08

O setenta por cento das bateas están pechadas pola marea vermella. Desde que se detectou a toxina na boca da ría de Muros, hai arredor dun mes, foise estendendo ata pechar a totalidade dos polígonos bateeiros nas rías de Vigo e Pontevedra. Na Arousa, hai oito polígonos pechados.

A principios de marzo detectábanse os primeiros casos da toxina lipofílica nas bateas de Muros. Coincide coa época do desove, en que hai menor demanda no mercado, e os mexilloeiros manteñen a calma, coa esperanza de que este episodio de marea vermella non se alongue no tempo.

"Abrimos dentro da ría oito ou dez días e xa pechou. Aféctanos bastante, pero non é a época máis crítica porque o mexillón está desovando e non está en boa calidade de carne. Pero bueno, sempre afecta porque podiamos vender algo", sinala Daniel Formoso, o patrón maior de Muros.

Desde Muros, a marea vermella foise estendendo cara ao sur. Na ría de Arousa, onde máis bateas hai de toda Galicia, están pechados o 37 e medio por cento dos polígonos, especialmente no Grove e en Cambados. Sálvanse os que están máis adentro da ría.

Segundo Francisco Juncal, bateeiro de Vilanova: "Todo o interior está aberto sen problema, pero da Illa ao exterior son os máis afectados. Estamos en época de desove e o peche de Italia, porque xa teñen mexillón deles, afloxa as vendas, entón estamos un pouco relaxados".

Nas rías de Pontevedra e Vigo están pechados todos os polígonos, e tamén hai bateas afectadas na ría de Ares. Desde o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, que realiza análises permanentemente, aseguran que a situación está controlada.

"Neste momento temos o 69% dos polígonos afectados, só mexillón. Pero tranquilidade porque é un episodio normal, habitual, controlado... e na ría de Arousa, onde hai máis polígonos de bateas, só está afectado o 37%", explica a directora do Intecmar, Covadonga Salgado.

Sinalan que esta semana podería haber un aumento polo empeoramento do tempo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/04/2019