CRTVG

Buscar

A marea vermella afecta xa a ameixa e o berberecho

Publicado o 26/02/2020 18:13

A marea vermella esténdese ao interior das rías. A semana pasada xa lles contamos que tiñamos 30 polígonos bateeiros pechados. Hoxe son 32. Os últimos afectados, dous polígonos de Redondela. A toxina afecta tamén a ameixa e o berberecho. O único molusco que non a sofre é a ostra.

A marea vermella obriga esta semana a manter pechados máis da metade dos polígonos bateeiros de Galicia. A toxina afecta todas as rías agás a de Ares e Mugardos. Tamén impide a extracción de berberecho e ameixa en zonas das rías de Muros-Noia, Pontevedra e Vigo.

"Está a afectar todos os polígonos de mexillón na ría Muros Noia e Pontevedra, na de Vigo quedan abertos 3 e na de Arousa afecta o 30% dos polígonos. Tamén está afectando bancos de ameixa e berberecho en Muros, Pontevedra e Vigo".

As análises actualízanse dúas veces ao día. Os últimos resultados convidan ao optimismo, pero aínda non se pode prever a fin deste episodio.

Covadonga Salgado. Directora do INTECMAR: "As últimas análises indican que pode estar estabilizándose, pero quedan por analizar aínda mostras desta semana"

Hai controis estritos para que o molusco afectado non chegue nunca ao mercado. Para protexer a súa saúde asegúrese sempre de consumir marisco obtido polas canles oficiais.

Noticias web

26/02/2020