A marca Galicia Calidade triplica en seis anos o número de empresas inscritas
Nos últimos seis anos, a marca Galicia Calidade pasou de 50 a 143 empresas acollidas, e de 300 a 600 produtos certificados. O xerente, Alfonso Cabaleiro, atribúe este crecemento á confianza que xera a marca.
"É unha marca que axuda de cara ao consumidor, ofrece confianza", asegura, e "é un reforzo publicitario", engade.
Case o 40 por cento do total de empresas inscritas son establecementos turísticos. En canto lles abriron a porta de Galicia Calidade en 2016, apostaron polo selo.
"Certifica que todos os protocolos que fas na cociña ou no restaurante levan ese marchamo de calidade e seguridade alimentaria", explica o hostaleiro compostelán Francisco Javier Míguez.
Di que é ademais un plus para a clientela: "Cada vez o cliente esixe maior calidade tanto no servizo coma nos produtos que serves", asegura. "O cliente agradece esa garantía que che dá Galicia Calidade", engade.
É un reclamo para o cliente, e un valor engadido para a empresa.
"Dinnos as empresas que a incorporación a Galicia Calidade ás veces pode supoñer un dez por cento de incremento, incluso chegar a dobrar o beneficio", di Alfonso Cabaleiro.
Xa hai outras dez incorporacións en trámite, e en 2021 segue a tendencia: a metade serán establecementos turísticos.