CRTVG

Buscar

A exhumación de Franco do Val dos Caídos será este próximo xoves

Publicado o 21/10/2019 09:49

• Os restos do ditador deixarán o recinto de Cuelgamuros case 44 anos despois de ser enterrado

Últimos preparativos para sacar a Franco do Val dos Caídos. Hoxe chegaron dous coches fúnebres e a Garda Civil só permite o paso dos operarios que preparan a exhumación, que finalmente será o xoves, a só 24 horas do prazo máximo que dera o propio Goberno. Din nun comunicado que o proceso será na intimidade, coa presenza da familia do ditador e en condicións de dignidade e respecto.

Os restos de Franco serán traslados, probablemente en helicóptero, 50 quilómetros ata o cemiterio municipal do Pardo-Mingorrubio, que tamén conta dende hoxe con medidas de seguridade excepcionais: accesos restrinxidos e vixilancia da zona.

A Fundación Francisco Franco convocou alí unha concentración no momento da exhumación, como homenaxe ao ditador.

A prensa poderá gravar a saída do féretro, pero fóra da basílica, e extremáronse as precaucións para que non se difundan imaxes delicadas.

O Goberno comunicou oficialmente que o próximo xoves, 24 de outubro, se vai proceder á exhumación e reinhumación do ditador Francisco Franco. A exhumación do restos de Franco da basílica do Val dos Caídos será ás 10:30 da mañá, en cumprimento da Lei de memoria histórica de 2017, da proposición non de lei aprobada no Congreso dos Deputados en 2017 e dos acordos adoptados posteriormente polo executivo presidido por Pedro Sánchez en 2019. Posteriormente, os restos van ser trasladados ao panteón de Mingorrubio, onde xa está soterrada a súa viuva, Carme Polo.

A maquinaria para a exhumación dos restos de Francisco Franco entrou onte tarde no Val dos Caídos. Tanto a exhumación como a reinhumación levaranse a cabo na máis estrita intimidade.
Ás tres da tarde deste domingo un camión cunha manipuladora telescópica de rodas con pa incorporada entraba no recinto, que permanece pechado desde hai días. Outro camión introduciu un palé de ladrillos e posteriormente entraron dous vehículos máis. Nestes momentos tamén está xa pechada a basílica por orde gobernativa, mesmo para os monxes bieitos, que non poderán acceder ao templo nos próximos días.

Para a exhumación do ditador é necesario erguer a laxe de granito de case dúas toneladas de peso. No desenterramento estarán presentes un forense e a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, en calidade de Notaria Maior do Reino. Tamén poderá presencialo a familia de Franco, que recibirá a comunicación con 48 horas de antelación.

Posteriormente, os restos serán trasladados ao cemiterio madrileño do Pardo. Son 55 quilómetros de distancia e todo apunta a que se farán en helicóptero, como se dixo nun principio, aínda que tampouco se decarta o traslado por estrada.

Casado critica que a exhumación sexa en campaña e apela a non reabrir feridas

O líder do PP, Pablo Casado, criticou que a exhumación dos restos de Franco do Val dos Caídos vaia producirse en plena precampaña electoral, algo que considera "bastante evidente" que era o que buscaba o PSOE, e insistiu en respectar a transición e non reabrir feridas.

"Como neto dunha xeración excepcional, xenerosa, que se deu un abrazo para restañar a transición, non me vexo capacitado para desfacer ese abrazo", é a reflexión que fixo nun almorzo informativo, tras coñecer que o proceso de traslado dos restos se vai realizara este xoves.

Por "respecto" a tanta xente que decidiu "enterrar as disputas e darse a man para mirar só ao futuro" e que "con todo durante 40 anos en ningún momento viran necesario reabrir esa feridas" Casado reclamou seguir nesa "concordia".

Abascal denuncia "a emerxencia profanadora" de Sánchez no contexto actual

O líder de Vox, Santiago Abascal, asegurou este luns que a elección da data para exhumar a Francisco Franco do Val dos Caídos, o vindeiro xoves, retrata "a emerxencia profanadora" de Pedro Sánchez nun contexto de "emerxencia nacional e social" debido a Cataluña e á economía.

Nunha entrevista nunha canle de televisión, Abascal lamentou que a Xunta Electoral Central lle contestase "nunha hora" a reclamación que interpuxo o seu partido para evitar que a exhumación se producise dentro do actual período electoral.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí