CRTVG

Buscar

A manifestación da Diada rexistra a participación máis baixa dende o inicio do 'procés'

Publicado o 11/09/2019 21:15

Cataluña celebra o seu día grande cunha multitudinaria manifestación. Milleiros de persoas concentráronse na praza de España e nos seus arredores convocados pola independentista Asociación Nacional Catalá. O secesionismo aparcou por unhas horas as súas diferenzas para reivindicar conxuntamente a independencia e a absolución dos presos. Houbo 600.000 persoas, segundo a Garda Urbana, a menor cifra dende o inicio do procés.

Convocados pola Asociación Nacional Catalá, baixo o lema "Obxectivo: a independencia", milleiros de persoas comezaron a congregarse na praza de España a primeiras horas da tarde. Coa participación máis baxa dos últimos anos pero con idénticas reivindicacións.

Os convocantes reclamaron a unidade dos partidos independentistas mentres os seus líderes, que non compartiron espazo na manifestación, poñían en valor o que os une: a defensa dos políticos presos ou fuxidos poucas semanas antes de que se coñeza a sentenza do procés.

Ningún representante dos partidos constitucionalistas participou na marcha. Todos critican que o nacionalismo se apoderara dunha festa que, din, era de todos os cataláns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019