O PSOE, o PP e Cs, xuntos na manifestación de Barcelona
O PSOE, o Partido Popular e Ciudadanos sumáronse á manifestación convocada por Sociedade Civil Catalá. Polo PP e polo partido laranxa estiveron nas rúas de Barcelona os seus candidatos á presidencia do goberno, Pablo Casado e Albert Rivera. Os socialistas estiveron representados polo seu número dous, José Luis Ábalos.
Ao secretario de organización do PSOE acompañárono nas rúas barcelonesas o líder do PSC, Miquel Iceta, e o ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell. Os socialistas salientan o traballo das forzas da orde durante os disturbios das dúas últimas semanas e enxalzan a Constitución como punto de encontro. Dixo Ábalos:
"Un gran proxecto que nos une a todos desde a diversidade, que é o proxecto de España e da Constitución española, que é un punto de unión e de mantemento da convivencia, e nada ten que ver precisamente coa separación".
Polos populares, o seu presidente aproveitou para reiterarlle ao PSOE a súa petición de que rompa as coalicións cos independentistas. Dixo Casado: "Hoxe creo que é moi positivo que esteamos aquí todos os partidos constitucionalistas, pero non me queda máis remedio que pedirlles ao PSC e o PSOE que rompan calquera acordo cos independentistas para facer crible a súa presenza no día de hoxe".
Tamén Ciudadanos estivo representado na marcha polo seu líder. Rivera reafirmou, sen berros, dixo, a súa defensa da unidade de España. Dixo: "Hoxe cúmprense ademais dous anos desde que algúns intentaron separarnos e levantar fronteiras. E hoxe, sen berros pero con convicción, con forza, os cataláns e o conxunto dos españois dicimos abonda xa de procés, queremos convivencia, queremos unión".
As reticencias dos convocantes cara a Vox, e as críticas deste partido aos pactos que o PSC mantén cos independentistas, fixeron que os de Abascal participaran na manifestación soamente a título individual.