A malla tradicional galega convírtese en festa en Meira, Lugo
Meira revive unha malla tradicional, como as que se facían antes, con máquinas que rondan os setenta anos. Recoñecida como festa de interese turístico de Galicia, celébrase desde hai vinte e oito anos.
Coa meda comeza a malla tradicional de Meira, que rememora unha tarefa propia do campo de primordial importancia para a economía doméstica. Colaboraba todo o pobo e levábase a cabo sempre durante o verán. Nesta localidade luguesa concéntrana nun día. Comeza co amoreamento dos mollos. Tamén hai unha demostración do mazado cos malles. E de seguida comezan as máquinas a traballar.
As máquinas que empregan nesta malla de Meira teñen en torno a setenta anos. A súa aparición supuxo un gran avance porque facilitou a separación da palla e o trigo.
A malla de Meira está considerada de interese turístico de Galicia. Celébrase desde hai vinte e oito anos e cada ano atrae a moitos visitantes.
Paralelamente á malla, os amantes da maquinaria antiga tamén poden ver motores centenarios xunto con outros apeiros e tractores de época.