CRTVG

Buscar

A mala combustión dunha cociña de leña provoca a intoxicación dunha familia en Monterroso

Publicado o 21/10/2019 13:51

Os residentes nunha vivenda deste edificio do centro de Monterroso quedaron intoxicados por inhalación de monóxido de carbono. O motivo foi a mala combustión desta cociña de leña. Os afectados, unha muller e os seus dous fillos menores, sufriron vómitos e mareos, e un dos nenos mesmo se desmaiou.

"O pequeniño dixo que lle doía a cabeza, e á media hora doíanos tamén ao maior e a min. Cando mandei o máis novo coller o ibuprofeno para darllo, o neno desmaióuseme e empezou a botar unha escuma pola boca. Daquela collino nos brazos e perdín algo do coñecemento. O que estivo máis consciente foi o maior, que me botou unha man e chamou un amigo. E foi xa todo", explica Julia, unha das afectadas.

Ata o lugar acudiron os servizos médicos, o GES de Monterroso e mais a Garda Civil. As persoas con síntomas de intoxicación foron evacuadas de inmediato e ingresaron no hospital Lucus Augusti de Lugo.

"Ao chegar ao punto, encontrámonos con tres persoas con vómitos e mareos. Xa estaban os sanitarios, e o noso labor consistiu en ventilar o antes posible para que esa concentración de monóxido de carbono fose á atmosfera", relata Fernando Otero, coordinador do GES de Monterroso. 

Coa baixada das temperaturas adoitan darse este tipo de intoxicacións debido á mala combustión das chemineas. Para evitar casos coma este, os expertos recomendan limpar os condutos de ventilación polo menos unha vez ao ano. 

"Cando hai un tapón moi grande e non se consegue desfacer co lume, todos eses gases pasan ao ambiente da vivenda, polo que é fundamental unha limpeza anual do conduto de saída de fume. E do resto, se é unha cheminea calefactora, de todos os compoñentes da calefacción", explica Susana García, comercial de chemineas.

Tras botaren un día ingresados no HULA, os intoxicados xa foron dados de alta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019