A maioría dos cidadáns seguen usando a máscara en exteriores
Rúa comercial do centro de Santiago. 20 metros de ancho e poucas caras descubertas. "Hai bastante afluencia de xente e non vas andar quitándoa e poñéndoa. No ensanche de Santiago, o metro e medio de distancia. Hai que levala posta", argumenta un home.
Un paso de peóns e outra mostra de cidadáns. 100 % de máscaras e só un matiz. "Aquí vouna poñer, pero viña por alí vin sen ela porque non había xente", di unha muller.
Zona histórica. Aquí as rúas son estreitas e a densidade de peóns é maior. "Eu creo que en zonas históricas concorridas coma esta tiña que ser obrigatorio e non deixalo nas mans da xente. Pode dar lugar a disputas persoais e penso que aínda debía estar lexislada", comenta un turista cántabro.
O uso da máscara tamén é maioritario mesmo en espazos máis abertos como o parque da alameda. "Eu estou sorprendida, pero respéctoo. Paréceme ben que a xente a leve, pero é incongruente tela posta pola rúa e despois facer unha churrascada con amigos e non poñela", afirma unha muller.
Xa non é obrigatoria, pero semella que a desescalada do uso da máscara en exteriores tamén vai ir amodo.