CRTVG

Buscar

A maioría de devolucións por viaxes canceladas pola covid-19 están en punto morto

Publicado o 10/07/2020 14:04

Numerosas persoas están á espera de que o seu operador de viaxes lles devolva o importe da que non puido facer polas suspensións debidas á pandemia. E é que no período afectado había tamén reservadas numerosas viaxes de grupos e mesmo de centros escolares.

Miguel López Crespo, secretario da Unión de Consumidores de Galicia, cóntanos que están a representar persoas individuais, familias, centros... con reclamacións que van de 200-300 euros a máis de 40.000 cando falamos de viaxes que estaba previsto que realizaran grandes grupos.

Ante o que pasou coas viaxes, a normativa europea non deixa dúbida: o consumidor ten dereito á devolución íntegra do que pagou pola viaxe, di López Crespo: "Unicamente poderemos facer algunha reflexión sobre a posibilidade de que reteñan algunha cantidade que se piuidera ter como gasto xustificado no proceso da devolución dese diñeiro, pero tampouco se está a falar aquí do concepto de gastos de cancelación, etc. Non. A directiva déixao moi claro: devolución íntegra do diñeiro".

O secretario da Unión de Consumidores de Galicia di que a maior parte dos reclamantes están en punto morto porque quen ten que devolverlles os cartos son empresas en época económica crítica. Ante iso, o prexudicado tamén debe actuar, acudindo a Consumo, ao xulgado ou a unha organización de consumidores.

Miguel López cre que hai que "buscar outras fórmulas, que é o que está a traballar a Unión de Consumidores de Galicia, que permitan devolver o diñeiro ou establecer unha fórmula de garantía que para o caso de transcorrer un tempo marcado non se puidera recuperar o diñeiro poidamos executalo".

"Esas fórmulas poden ser un aval, concertación dun seguro, etc. que impida que o consumidor non cobre pero que tampouco supoña unha presión excesiva nun momento crítico para as axencias de viaxes", engade.

E se a reclamación non ten resposta satisfactoria, antes de que pasen 30 días a persoa debe formular a denuncia a través da vía que considere mellor.

Noticias web

10/07/2020