CRTVG

Buscar

A maioría de alumnos do colexio apuntalado en Sarria non asistiron á clase

Publicado o 21/01/2020 11:33
A maioría de alumnos do colexio apuntalado en Sarria non asistiron á clase

Apenas un 20 % dos 377 alumnos matriculados no colexio Frei Luís de Granada de Sarria, cuxas dependencias foron apuntaladas despois da aparición de gretas en varias estancias, acudiu este martes ás clases, despois de que os profesores do centro suspenderan onte a actividade lectiva.

Desde a Xunta de Galicia insístese en que a colocación dos puntais en varias dependencias do colexio -en corredores, no patio e nalgunha aula-, realizouse de "forma preventiva", mentres os técnicos da Consellería de Educación realizan as correspondentes probas para determinar a orixe das gretas.

En todo caso, desde a Delegación Territorial da administración autonómica insístese en que en ningún caso se colocaron os puntais no centro porque as instalacións "non sexan seguras" e, de feito, a Consellería de Educación non suspendeu as clases.

A dirección do centro convocou os pais a unha reunión, que se celebrará esta tarde, para darlles información sobre a situación no colexio.

O propio colexio informou a través dun escrito ás familias dos 377 alumnos matriculados no centro -77 en infantil e 296 en primaria- de que "á volta” das vacacións de Nadal observáronse no edificio "pequenos cambios físicos" dos que foi informada a Unidade Técnica da Consellería de Educación.

Tamén se informaba as familias mediante esa nota de que esta fin de semana "técnicos da Consellería" ían colocar puntais no centro -no patio, nos corredores e nalgunha aula- "para analizar e realizar un estudo en certas partes da estrutura do edificio da escola", para "máis seguridade e tranquilidade de todos".

Así mesmo, precisaba que a Consellería informara de que non era preciso "suspender as clases", pois o apuntalamento de certas partes do colexio é unha medida que forma parte do propio estudo técnico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí