CRTVG

Buscar

As comunidades rexeitan que os menores de seis anos regresen ás aulas este curso

Publicado o 14/05/2020 17:28

• O Ministerio de Educación e as comunidades crean un grupo de traballo para que defina, antes do verán, os plans para iniciar o vindeiro curso

O Ministerio de Educación e Formación Profesional mantén a posibilidade de que se celebren clases presenciais durante a fase 2 do plan de desescalada, ao longo do mes de xuño, e asegurou que existe "un apoio maioritario" por parte das comunidades autónomas a esta medida. Así o comunicou o ministerio tras a reunión telemática da Conferencia Sectorial, presidida este xoves pola ministra Isabel Celaá xunto cos conselleiros de Educación das diferentes comunidades autónomas.

O plan de desescalada do Goberno permitirá durante a fase 2, á que poderían incorporarse algúns territorios xa a finais de maio, que alumnos dalgunhas etapas regresen voluntariamente ás aulas en grupos reducidos para recibir clases de reforzo e repaso. Este sería o caso de cuarto de secundaria ou de segundo de bacharelato, que están a preparar as probas de acceso á universidade ás que se presentarán en próximas datas.

Nesa fase da desescalada tamén se poderán abrir os centros de educación especial e de educación infantil, neste último caso para aqueles menores de 6 anos cuxos pais teñan que regresar aos seus postos de traballo, aspecto moi criticado por sindicatos docentes e outros sectores da comunidade educativa. A maioría das comunidades non apoiou a reapertura dos centros de educación infantil en xuño, entre elas algunhas gobernadas polo PSOE, como é o caso de Aragón.

O conselleiro de Educación da Comunidade de Madrid, Enrique Ossorio, pediu coñecer os informes que apoien esa reapertura dos centros infantís e asegurou que todos os membros da comunidade educativa cos que falaron "insisten na absoluta imposibilidade de cumprir as normas de distancia social e hixiene cos nenos de 0-6 anos".

O conselleiro de Educación das Baleares, Martí March, afirmou que se reunirá con sindicatos, familias e equipos directivos para negociar a posición para a desescalada, pero que parten da negativa para volver ás aulas para os alumnos de 0 a 6 e de educación especial.

A conselleira de Cantabria, Mariña Lombó, descartou a volta aos centros educativos dos alumnos de infantil e de educación especial e só o farán os alumnos de segundo de bacharelato, os que opten a un título de Formación Profesional e os de ensinos de réxime especial que teñan que presentarse a unha proba de acceso a ensinos superiores volverán de forma voluntaria ás aulas para partir do 8 de xuño.

O País Vasco anunciou, precisamente este xoves, que atrasa ao 25 de maio, e non ao día 18 como dixo nun principio, a volta ás aulas de maneira presencial dos alumnos deses cursos para non " tensionar máis" a comunidade educativa e non trasladarlle a "incerteza xurídica" que existe.

O Ministerio de Educación precisa que esta 'volta ao cole' opcional e parcial a final de curso ten que realizarse "respectando as normas de seguridade ditadas polo Ministerio de Sanidade" e planificando as actividades para "evitar aglomeracións innecesarias".

Por outra banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou este xoves nunha comparecencia no Congreso que o regreso dalgúns menores ás aulas durante a desescalada é competencia das comunidades autónomas e serán elas quen tomen as decisións nesta materia.

O ministro lembrou que as competencias nesta materia son autonómicas e son elas quen "coñecen mellor" como pór en marcha estas medidas, igual que ocorre, segundo apuntou, con outros ámbitos desta situación excepcional. Aínda así, asegurou que o Goberno "non vai a desentenderse" desta cuestión.

ABAU

Sobre a Avaliación de Bacharelato de Acceso á Universidade (ABAU), a antiga Selectividade, que se celebrará en todas as comunidades de forma presencial entre finais de xuño e principio de xullo, o Ministerio de Educación indicou que "cada comunidade autónoma é responsable de desenvolvelas nas mellores condicións para o alumnado e o profesorado presente".

Fontes do departamento de Celaá indican que o Ministerio de Educación xa está a traballar co Ministerio de Sanidade para establecer un protocolo de medidas sanitarias para as probas de acceso á universidade, que cada ano realizan máis de 200.000 estudantes.

O Goberno e as comunidades preparan o inicio do curso cun posible escenario confinamento

O Ministerio de Educación e Formación Profesional e as comunidades autónomas preparan o inicio do próximo curso tendo en conta diversos escenarios da evolución da pandemia, que se abordarán a través dun documento con orientacións que servirá de base para que cada territorio elabore o seu propio plan de continxencia de cara ao regreso ás aulas.   Un grupo de traballo (integrado polo ministerio e representantes autonómicos) encargarase de elaborar este documento, que terá que estar listo antes do verán e que terá en conta tres posibles escenarios con vistas a setembro: que se poida renovar a actividade lectiva con normalidade, que sexa necesario manter unha distancia sanitaria ou que un rebrote obrigue a pechar de novo os centros educativos.  

A ministra Isabel Celaá e os conselleiros autonómicos de Educación chegaron a este acordo na reunión da Conferencia Sectorial celebrada este xoves.   A partir deste documento de recomendacións, as comunidades autónomas e os propios centros educativos encargaranse de deseñar os seus propios plans de continxencia para "garantir o desenvolvemento da actividade educativa", respectando as competencias de cada territorio e "a autonomía docente dos centros educativos".  

Tres escenarios

 O grupo mixto, integrado polo Ministerio e os representantes autonómicos, traballará sobre tres posibles escenarios de evolución da pandemia.

O primeiro, que o coronavirus remita ata permitir que a actividade educativa leve a cabo de maneira presencial nos centros educativos sen a obriga de manter a distancia interpersoal.  

A segunda posibilidade apunta a que a evolución da pandemia continúe obrigando a manter a distancia interpersoal en todos os centros educativos como medida de prevención para evitar contaxios.  

O terceiro escenario contempla unha situación de rebrote ou repunta de contaxios que impida o desenvolvemento da actividade educativa presencial nalgún momento do curso, o que obrigaría a recorrer a un novo confinamento e a retomar a educación a distancia.  

"En todos os supostos será necesario adaptar os currículos e as programacións dos cursos, áreas e materias para prestar especial atención ás competencias fundamentais e para recuperar os déficits ocasionados pola importante alteración que provocou a brusca suspensión da actividade educativa presencial en marzo de 2020", subliñan desde o Ministerio de Educación.

 Se a volta ao cole en setembro se ten que realizar mantendo a distancia interpersoal para evitar contaxios, os centros terán que dividir os grupos e "optimizar todos os espazos do centro educativo, combinar a actividade presencial coa actividade a distancia ou adecuar os horarios para cumprir as condicións sanitarias establecidas e garantir a continuidade da formación".  

Este escenario, que é o máis probable, requiriría ademais, dotar os centros de equipamento hixiénico sanitario para o persoal e o alumnado, establecer medidas de hixiene e control sanitario, elaborar protocolos de mobilidade para o acceso e saída do centro e dar formación sanitaria ao profesorado e alumnado.  

"En todo caso, deberanse programar contidos e actividades educativas adecuadas para o ensino a distancia e en liña e facer previsións para a eventual avaliación a distancia de partes do curso", engaden desde o Ministerio, que propón aproveitar "as boas prácticas desenvolvidas" durante os últimos dous meses de ensino a distancia.

A ministra Celaá anunciou ademais que traballa co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para deseñar un programa de cooperación territorial que permita incrementar os recursos para avanzar na dixitalización.  

O obxectivo será, indica o ministerio, reforzar os recursos e competencias dixitais, tanto a través de plataformas como de dispositivos de uso persoal e formación do profesorado. Ademais, para a actividade educativa a distancia deseñaranse plans de seguimento e apoio ao alumnado con dificultades para seguir esta modalidade de actividade lectiva.

 

Noticias web

14/05/2020