CRTVG

Buscar

A maior intensidade das perseidas será na madrugada do martes

Publicado o 10/08/2019 09:51

A nebulosidade que cobre toda Galicia cando quedan tres días para os momentos centrais das perseidas din que pasará e que se poderá observar o desprazamento dos meteoros na maior parte do país.

A lúa vai reducir as horas óptimas para a observación, sinaladas para a noite do luns, xa nas primeiras horas do martes.

José Ángel Docobo Durántez, catedrático de Astronomía e director do Observatorio Ramón María Aller: "Temos a Lúa en fase moi avanzada, moi preto de chea. Por iso, nas primeiras horas da noite será complicado observalas. A partir das catro da maña a Lúa irase poñendo e iso vai coincidir co máximo das perseidas. Polo tanto, quen queira e quen poida, que saiba que a partir das catro da mañá (do martes) serán os mellores momentos".

Que o ceo estea despexado é a primeira condición para ver a chamada chuvia de estrelas. Tamén é determinante buscar un lugar libre de contaminación lumínica.

José Ángel Docobo Durántez, catedrático de Astronomía e director do Observatorio Ramón María Aller: "Está previsto no máximo, aproximadamente, uns 100-110 meteoros por hora e moitos deles son moi febles, de maneira que se estamos nun lugar con luces será complicado observalos. Os consellos de sempre son estar deitado mirando cara ao leste".

Ante estas perseidas pasadas, lembrámoslle que este ano o espectáculo terá o seu momento forte a partir das catro da mañá do martes que vén.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/08/2019